Colegio Oficial de Farmaceuticos de Ourense
asgafa
sergas
portalfarma
logoama
bannerCF 300x90
Bolsa Farmamundi 40g

Concierto - Clausulas

 

 

Clausulas

PRIMEIRA. OBXECTO DO CONCERTO

Este convenio de colaboración ten por obxecto a fixación das condicións nas que as oficinas de farmacia legalmente establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia colaborarán profesionalmente co Servizo Galego de Saúde, no desempeño da prestación farmacéutica que comprende, de acordo co establecido na normativa estatal vixente e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, os medicamentos, e produtos sanitarios e mais o conxunto de actuacións encamiñadas a que os pacientes os reciban de forma axeitada ás súas necesidades, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante o período de tempo apropiado e co menor custo posible para eles e a comunidade.

SEGUNDA. RÉXIME XURÍDICO

O presente convenio de colaboración ten carácter administrativo e regularase polas súas condicións particulares, sendo de aplicación directa a normativa estatal e autonómica pola que se regula a prestación farmacéutica en xeral e, se fora o caso, a da Seguridade Social en particular, así como a Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no relativo á regulación do tratamento automatizado de datos de carácter persoal. Este convenio queda fóra do ámbito de aplicación do Real Decreto Legislativo 3/2011, de 14 de noviembre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Contratos del Sector Público, non obstante, poderán ser aplicados os principios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puideran presentarse.

 

TERCEIRA. REQUISITOS DAS OFICINAS DE FARMACIA

A colaboración profesional obxecto deste concerto realizarase por tódalas oficinas de farmacia autorizadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non estean sometidas a sanción que lles impida o desempeño da prestación farmacéutica, e en tanto cumpran os requisitos previstos no presente concerto.

Esta colaboración desenvolverase baixo a dirección, responsabilidade, presenza e control do farmacéutico titular da oficina de farmacia ou, de se lo caso, farmacéutico adxunto, substituto ou rexente debidamente autorizados pola Consellería de Sanidade.

Por parte dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos facilitarase ao Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Farmacia, a seguinte información de forma individualizada:

-       NIF ou CIF, segundo o caso, da oficina de farmacia e o seu código de facturación ao Servizo Galego de Saúde.

-       Sigla de autorización da oficina de farmacia.

-       Nome e apelidos e n° de colexiado do farmacéutico/s titular/es, ou rexente, de selo caso.

-       Localización da oficina de farmacia:

    • Zona farmacéutica.
    • Parroquia ou núcleo de poboación da autorización.
    • Enderezo (rúa ou lugar e código postal).

-       Número de teléfono.

-       Número de Fax e, no seu caso, correo electrónico.

 

A incorporación dunha nova oficina de farmacia durante a vixencia do convenio, precisará da comunicación por parte do Colexio Oficial de Farmacéuticos correspondente, con inclusión dos datos anteriormente sinalados, que será remitida á Subdirección Xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde e á Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento da Consellería de Sanidade.

Do mesmo xeito, no caso de que durante a vixencia do convenio, se producisen modificacións dos datos citados anteriormente en calquera das oficinas de farmacia, estas deberán notificarse por parte do Colexio Oficial de Farmacéuticos correspondente á Subdirección Xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde e á Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento da Consellería de Sanidade.

Por outra banda, coa finalidade de garantir o desempeño da prestación farmacéutica obxecto deste concerto, as oficinas de farmacia deberán dispor dos medios técnicos e materiais seguintes:

  • Un sistema de comunicación que permita a consulta de información en liña sobre alertas farmacéuticas e de riscos de medicamentos e produtos sanitarios, tal como se regula no Decreto 170/2002, do 2 de maio, polo que se crea a rede galega de alerta sobre riscos relacionados cos medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.
  • Os medios necesarios para o procesamento da información relativa ao paciente/usuario recollida nas receitas oficiais do Sistema Nacional de Saúde, de acordo co disposto no Decreto 370/2003, do 2 de outubro, de uso da tarxeta sanitaria para o acceso á prestación farmacéutica.
  • Para realizar a dispensación no Sistema de Receita Electrónica deberán cumprir co establecido no Real Decreto 1718/2010, de 17 de diciembre, sobre receita médica y órdenes de dispensación, Decreto 206/2008, do 28 de agosto, de receita electrónica e no protocolo de actuación, asinado en agosto de 2007, entre a Consellería de Sanidade /Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para a posta en marcha do proxecto de receita electrónica na comunidade galega, que se inclúen como anexos E e F.
  • A bibliografía necesaria e suficiente, en soporte informático e/ou papel, que garanta a correcta dispensación da prestación farmacéutica.
  • As condicións e requisitos deste equipamento serán acordados entre o Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Así mesmo, os farmacéuticos titulares das oficinas de farmacia incluídas no presente concerto, deberán garantir o seguinte:

  • A súa presenza e actuación profesional para o correcto desenvolvemento da prestación farmacéutica prestada na súa oficina de farmacia, tanto na xornada e horarios mínimos de atención ao público, como nos servizos de urxencia que teña autorizados, sen prexuízo do disposto no caso de ausencia do farmacéutico titular na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.
  • A presenza e actuación profesional de farmacéuticos adicionais, naqueles casos de oficinas de farmacia que teñan un funcionamento en réxime de horarios ampliados, de acordo co disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, no Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia modificado polo Decreto 311/2004, do 22 de decembro, e demais regulacións que se establezan ao respecto.O persoal farmacéutico que acceda ao sistema de receita electrónica deberá cumplir co establecido no Real Decreto 1718/2010, de 17 de diciembre, sobre receita médica y órdenes de dispensación, Decreto 206/2008, do 28 de agosto, de receita electrónica e no protocolo de actuación, asinado en agosto de 2007, entre a Consellería de Sanidade /Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para a dispensación de receita electrónica na comunidade galega, que se inclúen como anexo E e F.
  • As existencias suficientes de medicamentos e produtos sanitarios incluídos na prestación farmacéutica, que garantan a dispensación das prescricións habituais en receita oficial do Sistema Nacional de Saúde realizadas no seu ámbito de actuación, nas condicións e requisitos establecidos pola normativa vixente na materia e neste concerto.

 

CUARTA. CARACTERÍSTICAS DA PRESTACIÓN FARMACÉUTICA

As normas sobre a execución da prestación farmacéutica que se establecen no presente concerto entenderanse sometidas á normativa xeral que regule a prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, tanto de ámbito estatal como derivada das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia.

En especial debe de subliñarse o deber das oficinas de farmacia de participar nas tarefas de farmacovixiancia, contribuíndo a incrementar a seguridade dos medicamentos tanto no que se refire á detección e notificación de sospeitas de reaccións adversas, como na actuación preventiva mediante a información ao cidadán sobre a correcta utilización dos medicamentos.

As actuacións encamiñadas para a correcta dispensación de medicamentos, fórmulas maxistrais, preparados oficinais e efectos e accesorios, aos pacientes usuarios da prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, efectuarase a través das oficinas de farmacia legalmente establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As características da execución da prestación farmacéutica, as condicións de validez das receitas así como as condicións da dispensación de medicamentos, efectos e accesorios e vacinas individualizadas antialérxicas e bacterianas son as recollidas no anexo A e E.

As fórmulas maxistrais e os preparados oficinais incluídos como prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde dispensaranse nas condicións establecidas no anexo B do presente convenio.

 

QUINTA.- PROCEDEMENTOS E REQUISITOS DA DISPENSACIÓN NOS SISTEMA DE RECEITA ELECTRONICA

O Real Decreto 1718/2010, de 17 de diciembre, sobre receita médica y órdenes de dispensación, establece os procedementos e requisitos de prescrición e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios mediante receita médica oficial, en formato papel ou electrónico, e determina distintos aspectos desta, tanto no ámbito da prescrición e da dispensación, como no que respecta ás garantías de confidencialidade, seguridade, custodia, tratamento da información e accesos.

No que respecta a receita electrónica, desenvolveuse pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde en colaboración coas oficinas de farmacia de Galicia, a través da intermediación dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, nos termos do “Protocolo de actuación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e os colexios de farmacéuticos de Galicia, para a posta en marcha do proxecto de receita electrónica na Comunidade Autónoma de Galicia" asinado en agosto de 2007, en que se establece o modelo de relación, as responsabilidades e as accións para desenvolver polas partes, así como o deseño da arquitectura tecnolóxica da receita electrónica e o seguimento. Este Protocolo continua vixente conforme ás renovacións sucesivas por períodos anuais contempladas na cláusula sétima do mesmo e incorpórase como anexo F a este concerto. O Decreto 206/2008, de 28 de agosto, de receita electrónica, regula a implantación da receita electrónica no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia, sen prexuízo do recollido no Real Decreto 1718/2010.

As características específicas da execución da prestación farmacéutica no Sistema de Receita Electrónica son as recollidas no Anexo E onde se establecen os procedementos e requisitos de prescrición e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios mediante aquela, segundo a normativa vixente, e determina distintos aspectos da receita electrónica no que respecta ás garantías de confidencialidade, seguridade, custodia e accesos, dispoñendo que “Farmacia homologada” é a que cumpre os requisitos mínimos establecidos pola Administración Sanitaria e os Colexios de Farmacéuticos de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, a través do Concerto subscrito para a prestación farmacéutica, para garantir a eficacia e a seguridade no proceso de dispensación electrónica e na transmisión de datos a través da rede.

 

SEXTA. FORMULACIÓN MAXISTRAL

As actividades relacionadas coa formulación maxistral deberán realizarse de acordo coas normas de correcta elaboración e control de calidade de formulas maxistrais e preparados oficinais, nos termos establecidos no Real decreto 175/2001, de 23 de febreiro, por el que se aprueban las normas de correcta elaboración y control de calidad de fórmulas magistrales y preparados oficinales e normativa concordante, así como no Decreto 443/2003, do 11 de decembro, de regulación das actividades de elaboración e control de calidade de fórmulas maxistrais e preparados oficinais e as súas guías de aplicación.

As oficinas de farmacia que elaboren fórmulas maxistrais e preparados oficinais para seren dispensados aos pacientes no seu propio establecemento, a través da receita oficial do Sistema Nacional de Saúde correspondente, deberán estar catalogadas no rexistro correspondente da Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde, segundo o nivel de elaboración das formas farmacéuticas que realicen.

As fórmulas maxistrais e os preparados oficinais incluídos como prestación farmacéutica regularanse de acordo co indicado no Anexo B.

SÉTIMA. CONDICIÓNS ECONÓMICAS

O Servizo Galego de Saúde aboaralles ás oficinas de farmacia as receitas oficiais do Sistema Nacional de Saúde, que sendo válidas, foran correctamente dispensadas e facturadas nas condicións establecidas neste convenio.

As oficinas de farmacia non deberán dispensar ningún medicamento, produto dietético ou produto sanitario cando xurdan dúbidas razoables sobre a autenticidade da receita médica presentada.

Os medicamentos e produtos sanitarios incluídos na prestación farmacéutica valoraranse de acordo cos prezos legalmente autorizados, recollidos no correspondente Nomenclátor Oficial ou, se fora o caso, aos prezos de referencia, prezo menor e prezo máis baixo que resulten de aplicación. Todo isto, sen prexuízo dos acordos que se poidan acadar entre o Servizo Galego de Saúde e os anteditos Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

As receitas facturaranse ao último prezo legalmente establecido. Non obstante, no caso de que se produza unha revisión xeral dos prezos que afecte aos medicamentos e/ou aos efectos e accesorios, aplicaranse na facturación correspondente de acordo coas normas transitorias establecidas na norma que regule a revisión. No seu defecto, a Comisión Autonómica Central determinará o mecanismo adecuado para a aplicación mecanizada dos prezos na forma e prazos que se estime conveniente.

Nos supostos de erros no cupón-precinto e/ou utilización indebida deste polo laboratorio farmacéutico responsable da súa comercialización, á marxe da comunicación destas incidencias aos organismos competentes, o Servizo Galego de Saúde aplicará os criterios de facturación expostos con anterioridade. Á solicitude dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos o Servizo Galego de Saúde, expedirá documento acreditativo da incidencia de facturación co obxecto de tramitar ante o devandito laboratorio o resarcimento dos prexuízos económicos causados ás oficinas de farmacia.

Os efectos e accesorios valoraranse de acordo co establecido na cláusula novena e no anexo A deste concerto. As fórmulas maxistrais e os preparados oficinais valoraranse de acordo co establecido no anexo B.

 

OITAVA. PROCEDEMENTO DE FACTURACIÓN

A facturación de receitas realizarase por meses naturais, segundo o procedemento indicado no anexo C deste concerto e efectuarase a través da mecanización informática das receitas en soporte papel e da agregación das receitas electrónicas mais as receitas en soporte papel incorporadas ao Sistema de Receita Electrónica.

Os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia poderán dispoñer e utilizar a información procedente da mecanización de receitas tanto en soporte papel como electrónicas nos termos previstos e recollidos no Real Decreto 1718/2010, de 17 de diciembre, sobre receita médica y órdenes de dispensación.

Así mesmo, toda a información procedente da dispensación e facturación das receitas quedará sometida á lexislación e normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

O anexo C, sobre o procedemento de facturación, será obxecto de revisión a petición do Servizo Galego de Saúde se houbese cambios no actual deseño ou sistema de prescrición de receita oficial.

 

NOVENA. PROCEDEMENTO DE PAGAMENTO

Da factura valorada a PVP, incluído o IVE, deducirase a parte correspondente á contribución do usuario que foi aboada por este á oficina de farmacia no momento da dispensación.

Para os casos concretos da facturación das dispensacións de absorbentes de incontinencia urinaria, tiras reactivas de control da glicemia e produtos dietéticos, será de aplicación o seguinte:

 

  1. Unha dedución do 7% sobre o PVP sen IVE, no conxunto da facturación por xerencia de xestión integrada das dispensacións de absorbentes de incontinencia urinaria presentada por cada Colexio Oficial de Farmacéuticos.

Esta cantidade deberá ser repartida en canto á aportación que achega cada oficina de farmacia conforme aos seguintes criterios:

    • a) Unha aportación mínima dun 2% que será achegada por todas as oficinas de farmacia.
    • b) resto da contía, repartirase entre as oficinas de farmacia que supoñan máis do 50% da facturación dos absorbentes de incontinencia de ouriños en cada provincia.
  1. Un prezo máximo de 23 euros IVE incluído por envase de 50 tiras, para a facturación das dispensacións de tiras reactivas de control de glicemia en sangue.
  2. O prezo de facturación dos produtos dietéticos que se dispensan nesta Comunidade a través de receita oficial, será o resultante de aplicar o factor común de facturación segundo o recollido na Orden SSI/2366/2012, de 30 de octubre, por la que se establece el factor común de facturación de la prestación con productos dietéticos, ao prezo de oferta dos produtos incluídos no Nomenclátor Oficial de produtos dietéticos do Sistema Nacional de Salud.

A forma e prazo de pagamento será a establecida no anexo D.

 

DÉCIMA. ÓRGANOS DE SEGUIMENTO

Para velar polo cumprimento do presente concerto crease a Comisión Autonómica Central e as Comisións Provinciais coas seguintes funcións e composición:

Comisións Provinciais

A nivel provincial existirán Comisións Provinciais, con actuación delegada da Comisión Autonómica Central, constituidas por:

  • Un representante designado por cada unha das Xerencias de Xestión Integrada da provincia. Un destes membros exercerá como presidente da Comisión.
  • En función do número de representantes das Xerencias de Xestión Integrada existentes na provincia, a Subdirección Xeral de Farmacia designará o resto de vocais ata que o número de representantes por parte do Servizo Galego de Saúde sume un total de catro vocais.
  • Catro vocais designados polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia que corresponda.
  • Un secretario, designado polo presidente, que asistirá con voz, pero sen voto.

Son funcións das Comisións Provinciais:

  • Resolver as incidencias que se produzan no ámbito da súa demarcación con motivo da facturación e devolución de receitas, comunicándolle estas incidencias á Comisión Autonómica Central, mediante o envio das correspondentes actas.
  • Velar polo cumprimento deste convenio no ámbito da súa demarcación.
  • Propoñer as medidas que se estimen oportunas para perfeccionar a aplicación deste convenio.

As Comisións Provinciais celebrarán reunión polo menos unha vez cada catro meses ou cando o solicite calquera das partes por causa xustificada.

Os acordos adoptaranse por maioria e, no caso de empate, remitirase un informe aclaratorio á Comisión Autonómica Central, que decidirá o que proceda.

Comisión Autonómica Central

A nivel da Comunidade Autónoma existirá unha Comisión Autonómica Central encargada de velar polo cumprimento e aplicación do convenio. As competencias da Comisión Autonómica Central enténdense sen prexuízo das facultades da Inspección Farmacéutica.

A devandita comisión estará integrada por:

  • O Subdirector Xeral de Farmacia, ou persoa que o substitúa ou en que delegue, que exercerá de presidente da Comisión.
  • Tres vocais designados polo Servizo Galego de Saúde.
  • Catro vocais designados polos Colexios Oficiais de Farmacéuticos a razón dun por cada provincia.
  • Un secretario designado polo presidente da Comisión que asistirá con voz, pero sen voto.

Cando as circunstancias da convocatoria así o requiran, e previa comunicación á secretaría da Comisión, cada unha das partes poderá acompañarse dun asesor que asistirá con voz, pero sen voto.

Son funcións da Comisión Autonómica Central:

  • Velar polo cumprimento do presente convenio.
  • Resolver as dúbidas que poidan xurdir na súa interpretación e aplicación.
  • Coñecer, con carácter previo, calquera proposta de resolución parcial deste convenio.
  • Propoñer as medidas que procedan ante o incumprimento do convenio ou circunstancias sobrevidas que impidan o seu correcto cumprimento, para a súa inmediata cesación e corrección.
  • Asumir as funcións da Comisión de Seguimento contemplada no anexo F do presente Concerto efectuando o seguimento e coordinación das actividades previstas para o desenvolvemento do proxecto de receita electrónica, así como a resolución das dúbidas que poidan xurdir na súa aplicación.
  • Propoñer a creación das comisións técnicas que se consideren necesarias para o desenvolvemento de programas ou outros contidos do presente convenio.

A Comisión Autonómica Central reunirase polo menos unha vez cada seis meses e ademais cando así o solicite unha das dúas partes por causas suficientemente xustificadas.

Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos vocais presentes e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente da Comisión Autonómica Central.

O funcionamento da Comisión Autonómica Central e das Comisións Provinciais adecuarase ao establecido sobre órganos colexiados na normativa de réxime xurídico nas Administracións Públicas.

 

DÉCIMO PRIMEIRA. PRAZO DE VIXENCIA E EFECTIVIDADE

O presente convenio terá unha validez de dous anos a partir da data de produción de efectos, que será o día 1 do mes seguinte ao da súa sinatura, e considérase prorrogado tacitamente por un período máximo dun ano se non o denuncia ningunha das partes con tres meses de antelación á data do seu vencemento.

 

DÉCIMO SEGUNDA. INCUMPRIMENTO DO CONCERTO E RÉXIME DE EXCLUSIÓN

O incumprimento do presente convenio poderá dar lugar á resolución total ou parcial do mesmo.

A resolución total terá lugar, ademais de polo transcurso do prazo fixado nas condicións sinaladas na cláusula décimo primeira, polo incumprimento das obrigas esenciais das partes contidas no convenio e polo mutuo acordo entre as partes.

A resolución parcial do convenio producirase cando unicamente afecte a algunha ou algunhas das oficinas de farmacia incluídas no mesmo. Podería ter lugar en caso de:

  • A perda, por parte do titular da oficina de farmacia, da capacidade de obrar, sempre que non estea prevista a súa substitución na normativa estatal ou autonómica que regula a prestación farmacéutica.
  • Haber cometido infraccións das cualificadas como moi graves previstas na normativa estatal ou autonómica que regula a prestación farmacéutica.
  • O incumprimento das obrigas esenciais entre as partes.
  • A falta de medios persoais ou técnicos precisos para a correcta prestación dos servizos obxecto de este convenio, de acordo co previsto na súa cláusula terceira.

De acordo coas circunstancias que a motiven, esta exclusión parcial do concerto poderá realizarse con carácter definitivo ou con carácter temporal, con interrupción, neste caso, dos efectos do concerto durante o período que se acorde ou que duren as causas que a motiven. Por parte da Comisión Autonómica Central poderíanse propoñer as medidas que consideren adecuadas co obxecto de manter a prestación do servizo farmacéutico no caso de exclusión parcial xa sexa definitiva ou temporal.

O expediente de resolución do convenio tramitarase e resolverase pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade sendo necesaria, na súa tramitación:

  • Poñer o expediente en coñecemento da Comisión Autonómica Central de conformidade co previsto na cláusula décima deste convenio.
  • Dar o trámite de audiencia ao interesado, ou interesados, no caso da resolución parcial, así como ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia correspondente. Para este trámite deberase conceder un prazo de quince días naturais.
  • No caso de que se formule oposición ao expediente será preciso, con carácter previo á resolución, informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

 

DÉCIMO TERCEIRA. MODIFICACIÓNS DAS CONDICIÓNS DO CONCERTO

A modificación legal ou regulamentaria que afecte ás condicións económicas actualmente vixentes na prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia, incluída a modificación das marxes profesionais, ou ao procedemento de pagamento pactado no concerto, poderán determinar a súa revisión a petición de calquera das partes.

Iniciada a negociación e transcorridos trinta días naturais sen acadarse acordo, poderá formularse a denuncia do concerto co efecto correspondente de rescisión aos dous meses de ser formulada.

 

DÉCIMO CUARTA. ATENCIÓN FARMACÉUTICA E OUTROS PROGRAMAS DE COLABORACIÓN

A promoción da atención farmacéutica, constitúese como un dos obxectivos principais da colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as oficinas de farmacia.

Para levar a cabo esta promoción o Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, colaborarán na implantación de programas de atención farmacéutica a desenvolver polos farmacéuticos das oficinas de farmacia.

As características e condicións nas que se acorde a dita colaboración incorporaranse como anexo ao presente convenio.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Farmacia, facilitará na medida do posible cursos de formación específica que estarán acreditados polo comité de Acreditación da Comisión Autónoma de Formación Continuada, co obxecto de facilitar a formación que precisen os profesionais farmacéuticos que participen ou se inicien nun programa de atención farmacéutica.

Dentro do marco de colaboración das oficinas de farmacia co Servizo Galego de Saúde, poderán establecerse programas de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos a través dos cales, as oficinas de farmacia poderán prestar determinados servizos relacionados coa prestación de asistencia sanitaria e farmacéutica aos usuarios, coa finalidade de fomentar a súa participación activa e integrada no sistema sanitario facendo uso das novas tecnoloxías e do grado de implantación da dispensación electrónica acadado na nosa Comunidade.

 

DÉCIMO QUINTA. ANEXO

 

Os anexos sobre características da prestación farmacéutica (anexo A), fórmulas maxistrais e preparados oficinais (anexo B), procedemento de facturación (anexo C), procedemento de pagamento (anexo D), Requisitos específicos das oficinas de farmacia para poder realizar a execución da prestación farmacéutica no sistema de receita electrónica (anexo E), e o protocolo de actuación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, para a posta en marcha do proxecto de receita electrónica na Comunidade Autónoma de Galicia (anexo F) considéranse incorporados ao concerto e formando parte integrante del.