Colegio Oficial de Farmaceuticos de Ourense
asgafa
sergas
portalfarma
logoama
bannerCF 300x90
Bolsa Farmamundi 40g

Estatutos - TITULO V

ESTRUTURA ORGÁNICA DO COLEXIO

Artigo 30°.-Os órganos do colexio.

1.Os órganos colexiais de representación e goberno colexiais son a asemblea xeral e a Xunta de Goberno.

2.Tamén forman parte da estrutura orgánica do colexio:

a)presidente.

b)vicepresidente.

c)secretario.

d)tesoureiro.

e)Os vogais.

f)A comisión permanente.

g)As comisións externas.

Artigo 31°.-A asamblea xeral.

1.A asemblea xeral é o órgano supremo e sobera­no de representación e expresión da vontade dos colexiados e estará constituída pola totalidade des­tes no exercicio dos seus dereitos corporativos.

2.Correspóndenlle á asemblea xeral as seguintes atribucións básicas:

a)Aprobación e modificación dos estatutos e dos regulamentos de réxime interno.

b)Aprobación dos orzamentos, contas do exercicio e cotas ordinarias e extraordinarias, fondos de reser­va, derramas e as demais contraprestacións que teñan que satisfacer os colexiados.

c)A disposición e alleamento dos bens inmobles do colexio.

d)A aprobación da moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros de conformidade co procedemento establecido nestes estatutos.

e)Deliberar e tomar acordos en relación con todos os fins e funcións do colexio recollidos nos artigos 4° e 5° destes estatutos.

f)Modificar o domicilio social do colexio.

g)Aprobar a fusión, absorción ou disolución do colexio.

3.A asemblea xeral poderá reunirse con carácter ordinario ou extraordinario.

A asemblea xeral ordinaria terá lugar, polo menos unha vez ao ano e dentro do primeiro semestre, nela se presentará para a súa aprobación o orzamento do seguinte exercicio. Se o proxecto de orzamento non fose aprobado pola asemblea xeral, entenderase pro­rrogado o do último exercicio ata a aprobación dun novo.

4.Para considerar as proposicións dos colexiados, será preciso que estas se formulen por escrito, estean asinadas polo 15 por cento deles e sexan pre­sentadas no rexistro colexial ata un prazo máximo de sete días antes de que teña lugar a asemblea. Un mesmo grupo de colexiados asinantes dunha propo­sición non poderán solicitar ningunha outra na mesma asemblea.

5.A convocatoria da asemblea xeral será feita polo secretario, por orde do presidente, mediante notifi­cación por correo, polo menos con dez días naturais de antelación á data sinalada para a súa realización. Na convocatoria consignarase o lugar, data e hora de realización, tanto en primeira como en segunda con­vocatoria, así como a orde do día. En caso de xustificada urxencia a notificación poderá ser efectuada con tan só corenta e oito horas de antelación. En toda convocatoria de asemblea, como último punto da orde do día, incluirase unha rolda de intervencións libres.

6.A asemblea xeral quedará validamente consti- tuída en primeira convocatoria cando estean presen­tes polo menos a metade máis un dos colexiados e, en segunda convocatoria, con calquera que sexa o número de asistentes sempre que estean presentes o presidente e o secretario. Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes. A presidencia da asemblea xeral terá voto de calidade no caso de empate.

7.Nas discusións dos asuntos que se susciten nas asembleas só se permitirán tres quendas a favor e tres en contra e unha soa rectificación a cada colexiado que tome parte no debate, pero non consumirá quenda a presidencia nin o asinante que defenda a proposición posta en discusión.

8.As votacións serán de forma ordinaria a man alzada, pero serán nominais ou secretas cando o pida a cuarta parte dos colexiados asistentes ou así o decida o presidente. De calquera modo, as votacións referidas a asuntos persoais ou as que se leven a cabo durante unha moción de censura serán sem­pre secretas. Os colexiados non poderán delegar noutras persoas a súa asistencia á asemblea xeral nin serán representados para emitir o seu voto.

9.Os acordos adoptaranse, salvo nos supostos establecidos nestes estatutos, por maioría simple. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente. Se o acordo adoptado o fose por unani- midade dos membros da asemblea ou dunha maioría clara e manifesta, non será preciso proceder á vota­ción; pero neste suposto os discrepantes poderán exixir a constancia en acta da súa oposición ao acor­do, e poderán, ademais, antes de concluír a asemblea xeral, entregarlle ao presidente o texto da súa oposición, que, logo da súa lectura, se incorporará á acta como anexo a esta. Os acordos adoptados en asemblea xeral serán executivos, vinculantes e obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo dos recursos que procedan.

10.De todas as reunións das asambleas levantarase a correspondente acta, na cal polo menos consta­rán as propostas sometidas a votación e o resultado destas, e serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente. Consideraranse partes inte­grante das actas, como anexos, as propostas presen­tadas polos colexiados que solicitasen a constancia literal das súas intervencións, sempre que as entre­guen por escrito, debidamente asinadas, antes de concluír a asemblea xeral. As actas, cos seus ane­xos, estarán sempre á disposición de todos os cole- xiados unha vez aprobadas, e poderán solicitar os colexiados copia delas.

11.A asemblea xeral poderá delegar a facultade de deliberar e tomar acordos relacionados coas súas funcións na Xunta de Goberno. Salvo nas materias que se determinen nestes estatutos, por regra xeral entenderanse estatutariamente delegadas de modo permanente, con obriga por parte da Xunta de Goberno de dar conta das súas decisións á asemblea xeral e de someterse, en calquera caso, á vontade desta. Como excepción a esa regra xeral, a asemblea xeral non poderá delegar, en ningún caso, as potes­tades ou facultades contidas nas letras a), b), c), d), e g) do número 2 deste mesmo artigo.

12.As asembleas xerais extraordinarias convocaránse e terán lugar nos seguintes casos:

a)Cando o acorde o presidente.

b)Cando o solicite a metade máis un dos membros da Xunta de Goberno.

c)Cando o solicite un mínimo dun 25 por cento dos colexiados, en escrito en que figurará o nome, apelidos, número de colexiado e sinatura de cada un deles e que indique o motivo da solicitude debida­mente argumentado.

Nos supostos tipificados nas letras b) e c), o presi­dente deberá ordenar a convocatoria da asemblea xeral, para que teña lugar dentro dos trinta días naturais que sigan a aquel en que teña entrada no rexistro colexial a petición da convocatoria. Nestas asembleas só se poderán tomar acordos sobre asun­tos previamente fixados na orde do día.

En canto ao funcionamento da asemblea xeral extraordinaria, observarase o disposto nos núme­ros 5, 6, 7, 8, 9 e 10 deste artigo.

13.Nas materias sometidas a deliberación e adop­ción de acordos que unicamente afecten o ámbito dunha determinada modalidade de exercicio ou sec­ción colexial, poderá limitarse o ámbito da convocato­ria, e dos acordos que se adopten, ao grupo de cole- xiados incluídos nesa modalidade ou sección, acordos que deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno.

Artigo 32°.-A moción de censura.

1.En sesión extraordinaria, a asemblea xeral poderá debater unha moción de censura en contra do presidente ou da Xunta de Goberno, proposta polo menos por unha cuarta parte dos colexiados.

2.A convocatoria efectuarase na forma estableci­da no número 5 do artigo anterior e no prazo de 30 días naturais desde a presentación da corresponden­te proposta, que deberá ser motivada e incluirá unha lista de candidatos.

3.Rexeitada unha moción de censura, para que a asemblea xeral poida debater outras posteriores será necesario que transcorra un ano desde a anterior ou ir proposta por, polo menos, a metade do número de colexiados.

Artigo 33°.-A Xunta de Goberno, membros e atribucións.

1.A Xunta de Goberno do colexio é o órgano de execución dos acordos da asemblea xeral e asume a dirección, programación, xestión e administración do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Ourense, correspóndelle o desempeño de todas as competencias e atribucións de dirección e adminis­tración necesarias para a consecución dos fins do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Ourense e as especificamente previstas nestes esta­tutos e na lexislación vixente e que non fosen outorgadas expresamente á asemblea xeral.

2.Será competencia da Xunta de Goberno a elec­ción de representantes ante o Consello Autonómico, no caso da súa creación.

3.A Xunta de Goberno estará integrada polos seguintes membros, que serán elixidos de entre todos os colexiados por sufraxio universal, libre, directo e secreto:

a)O presidente.

b)Un vicepresidente.

c)Un tesoureiro.

d)Un vogal de número por cada 200 colexiados inscritos ou fracción, cun máximo de 6 vogais.

e)Un vogal por cada unha das seccións constituídas no seo deste colexio.

Artigo 34°.-O presidente.

1.Ao presidente correspóndelle a representación legal do colexio que preside. Desempeñará, ao mesmo tempo, os cargos de presidente da asemblea xeral e da Xunta de Goberno.

2.Correspóndenlle ao presidente, entre outras, as seguintes funcións:

a)Exercer a representación máxima da corpora­ción farmacéutica no territorio da demarcación do colexio, correspondéndolle o exercicio de cantos dereitos e atribucións se lle recoñecen nestes esta­tutos.

b)Representar legalmente o colexio en todas as súas relacións, incluída as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde.

c)Convocar, presidir e levantar as asembleas xerais e as reunións de Xunta de Goberno, fixando a orde do día de acordo co previsto nestes estatutos, manter a orde e uso da palabra e nas xuntas de goberno decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

d)Propoñer a creación das comisións necesarias para o mellor desenvolvemento das funcións do colexio; a súa constitución será aprobada pola Xunta de Goberno.

e)Revisar e autorizar coa súa sinatura os outorgamentos de escrituras públicas, convenios, contratos, comunicacións oficiais, actas e certificacións que procedan.

f)Autorizar conxuntamente co tesoureiro, ou cos membros que designe a Xunta de Goberno, os libramentos para investimento, o manexo de fondos e talóns para o movemento das contas do colexio.

g)Examinar, intervir e revisar a documentación de todos os departamentos do colexio.

h)Intervir moi especialmente en manter a harmo­nía entre todos os colexiados e procurar que calque­ra diferenza de carácter profesional que se suscite entre eles se resolva no seo do colexio.

i)Outorgar mandatos e poderes notariais, mesmo especiais, a favor dos avogados e procuradores dos tribunais ou de calquera outra persoa para o exercicio de toda orde que afecten a corporación farma­céutica.

Artigo 35°.-O vicepresidente.

Correspóndelle ao vicepresidente levar a cabo todas aquelas funcións que lle confira o presidente, asumindo as deste en caso de vacante, ausencia, renuncia, enfermidade, vacacións ou falecemento.

Artigo 36°.-O tesoureiro.

 

1.Serán atribucións e obrigas do tesoureiro as seguintes:

a)Dirixir e autorizar a contabilidade do colexio.

b)Realizar os pagamentos e recibir os ingresos do colexio.

c)Formalizar as contas, balances e orzamentos que deban ser presentados á Xunta de Goberno e á asemblea xeral.

d)Formular os proxectos de orzamentos e de liqui­dación do exercicio anual do colexio para o seu sometemento á asemblea xeral, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

e)Intervir no seu máis amplo sentido nas contabi­lidades que, dentro do colexio, correspondan ás sec- cións e comisións, aínda cando dispoñan de orza- mento propio.

f)Confrontar e asinar os libros de contabilidade xunto co presidente.

g)Ingresar e retirar fondos das contas bancarias do colexio, conxuntamente co presidente ou con cal­quera outro membro da Xunta de Goberno que fose autorizado para este fin.

2.En unión do presidente, levará a sinatura da tesouraría ante toda clase de organismos.

Artigo 37°.-O secretario.

1.O secretario ocupará ao mesmo tempo os cargos de secretario da asemblea xeral e da Xunta de Goberno, así como a de encargado do rexistro.

2.As súas atribucións e obrigas son as que seguen:

a)Certificar os acordos de asemblea xeral e da Xunta de Goberno, levantando as oportunas actas e a súa transcrición aos libros correspondentes.

b)Redactar, asinar e expedir as certificacións co visto e prace do presidente.

c)Despachar a correspondencia, dirixir e custo­diar os arquivos e levar os libros de colexiados, así como os libros de entrada e saída de documentos.

d)Convocar as reunións da asemblea xeral e da Xunta de Goberno, sempre que así lle sexa ordena­do polo presidente ou quen estatutariamente o substitúa, e coidar de que as convocatorias reúnan os requisitos sinalados nestes estatutos.

e)Manter ao día a secretaría do colexio no referen­te a disposicións lexislativas e administrativas que afecten a profesión.

f)Desempeñar a xefatura do persoal adscrito ao colexio e propoñerlle á Xunta de Goberno o nomeamento e destitución do persoal que preste os seus servizos no colexio, ou calquera outra cuestión en relación co persoal.

g)Vixiar o cumprimento dos requisitos e obrigas sinaladas nestes estatutos para o funcionamento do colexio e da Xunta de Goberno e o desenvolvemento das asembleas xerais.

h)A xestión e mantemento do rexistro de colexiados.

Artigo 38°.-Os vogais.

1.Os vogais de número desempeñarán as funcións que lles sexan encomendadas pola Xunta de Goberno.

2.Os vogais de sección serán os representantes, na Xunta de Goberno, das modalidades profesionais de exercicio correspondentes e terán ao seu cargo o estudo dos asuntos que correspondan a estas, e informarán por escrito a Xunta de Goberno das resolucións que aquelas propoñan. Poderán auxiliarse dos colexiados que consideren necesarios para constituír as xuntas de sección logo de aprobación da Xunta de Goberno.

3.No Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provin­cia de Ourense poderán constituírse as seguintes vogalías de sección:

a)Adxuntos, substitutos ou rexentes de oficinas de farmacia.

b)Alimentación.

c)Análises clínicas.

d)Atención primaria.

e)Dermofarmacia.

f)Distribución.

g)Docencia ou investigación.

h)Fitoterapia ou homeopatía.

i)Industria.

j)Óptica oftálmica e optometría e acústica audio­métrica.

k)Ortopedia.

l)Servizos farmacéuticos do hospital.

m)Titulares de oficinas de farmacia.

n)Titulares, de saúde pública ou na Administra­ción.

4.Deben inscribirse nesas seccións todos os colexiados que exerzan a profesión nas respectivas modalidades de exercicio.

5.Ademais, poderanse crear outras seccións por proposta da Xunta de Goberno que sexan aprobadas pola asemblea xeral.

6.Para a constitución da vogalía requirirase polo menos un número de tres colexiados exercentes na modalidade de que se trate.

Artigo 39°.-Réxime de funcionamento da Xunta de Goberno.

1.A Xunta de Goberno renovarase na súa totalida- de cada catro anos, ou antes se se producisen os supostos considerados nestes estatutos para a con­clusión de mandato.

2.mandato dos membros da Xunta de Goberno concluirá polas seguintes causas:

a)Incapacidade ou falecemento.

b)Dimisión ou renuncia.

c)Condena por sentenza firme, se levase consigo privación ou restrición real e efectiva da liberdade ou inhabilitación para cargos públicos.

d)Incumprimento dos seus deberes como mem­bros da Xunta de Goberno e, moi especialmente, pola reiterada falta de asistencia ou abandono non xustificado das sesións da citada Xunta de Goberno ou asemblea xeral.

e)Aprobación da moción de censura, conforme o establecido nestes estatutos.

f)Convocatoria de eleccións.

3.No suposto da letra d) do número 2 deste mesmo artigo, a decisión será tomada pola maioría dos membros da asemblea xeral por proposta da Xunta de Goberno.

4.A Xunta de Goberno continuará nas súas funcións en canto conte coa metade máis un do total dos seus membros. En caso de producirse dimisións que a deixen por debaixo do número anterior estableci­do, entenderase automaticamente disolta.

En caso de dimisión ou baixa dun ou máis dos seus membros, sen exceder a metade máis un, a Xunta de Goberno decidirá sobre a conveniencia de cubrir esas vacantes por outros membros da xunta. As vacantes, sen excepción ningunha, soamente pode­rán cubrirse polo tempo necesario ata que teñan lugar novas eleccións.

5.No suposto de baixa ou dimisión da metade máis un dos membros da Xunta de Goberno, esta cos res­tantes membros transformarase en comisión xestora, que se comporá, como mínimo, de cinco membros, con facultades de comisión permanente e co encar­go de convocar eleccións no prazo máximo de 30 días.

Se como consecuencia da dimisión de todos os membros da Xunta de Goberno non se puidese constituír a comisión xestora, formarase unha xunta de idade, de cinco membros, coas funcións exclusivas daquela, designados entre os colexiados con exerci- cio na forma que segue: os tres de maior idade non superior a 65 anos e os dous de menor idade, que estarán obrigados a aceptar salvo xustificación verí­dica.

6.A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao mes.

Tamén se reunirá sempre que o acorde o presiden­te ou o solicite un terzo dos seus membros.

7.O secretario convocará as reunións de Xunta de Goberno, logo de mandato de presidencia, con polo menos 48 horas de antelación. A convocatoria conterá:

a)Data, hora e lugar da reunión, en primeira e segunda convocatoria, que preceptivamente se fará para o mesmo día, no mesmo lugar e media hora máis tarde.

b)A orde do día, coa maior claridade e concreción.

c)A información necesaria dos asuntos que se van tratar.

8.A asistencia ás reunións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. A Xunta de Goberno considerarase constituída sempre que asistan a metade máis un dos seus compoñentes na primeira convocatoria. Se na primeira convocatoria non existise quórum, reunirase a Xunta de Goberno en segunda convocatoria, e quedará constituída vali­damente cos membros que asistisen.

9.Todos os acordos se tomarán por maioría de votos. O presidente terá voto de calidade no caso de empate. Os acordos tomados reflectiranse na acta que, logo de aprobación, será asinada polo secreta­rio co visto e prace do presidente. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

10.As xuntas de goberno serán sempre presididas polo presidente e, en ausencia deste, polo vicepresi­dente. Excepcionalmente, en ausencia de ambos os dous, poderá ser presidida por outro membro.

11.A Xunta de Goberno acordará o réxime de substitución do tesoureiro, secretario e daqueles membros que se considere necesario.

12.Para o non regulado neste artigo, haberá que acollerse de xeito supletorio ao establecido nos artigos 22 a 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas modificacións introducidas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 40°.-A comisión permanente.

1.Cando a Xunta de Goberno o considere conve­niente, e para maior axilidade dos seus traballos, poderase constituír unha comisión permanente, que estará formada polo presidente, secretario, tesoureiro, vicepresidente e dous vogais elixidos entre os que compoñan a Xunta de Goberno.

2.Os acordos da comisión permanente, para a súa validez definitiva, terán que ser ratificados pola Xunta de Goberno.

3.A comisión permanente terá as seguintes atribucións:

a)Velar pola execución dos acordos da Xunta de Goberno.

b)Preparar as reunións da Xunta de Goberno.

c)Resolver os asuntos de trámite e de carácter urxente, dando conta á Xunta de Goberno, neste caso, das resolucións adoptadas.

Artigo 41°.-As comisións externas.

1.Para o mellor desenvolvemento técnico das xestións colexiais, poderanse crear aquelas comisións externas que a Xunta de Goberno considere necesa­rias.

2.Estas comisións terán por obxecto colaborar con Xunta de Goberno na execución das funcións que esta ten atribuídas, realizando estudos, asesoramentos e axuda técnica naquelas áreas de traballo ou especialidade profesional que considere convenien­te e para as que foron creadas.

3.As comisións externas terán carácter consultivo e non vinculante e estarán formadas por tres ou máis colexiados que voluntariamente se ofrecesen para isto e cunha actividade profesional relacionada directamente co obxecto da comisión.

Estas comisións contarán, polo menos, cun mem­bro da Xunta de Goberno, que actuará de coordina­dor e voceiro ante ela.

Adjuntos:
Descargar este adjunto (estatucof.pdf)Estatutos